A ollada sen peso

Manoel Toural Quiroga (texto e ilustracións)


Eu sei o que pasou lá dentro cando a guerra estoupaba por todas as partes.


I

O meniño chora. Son do debuxo da casiña colgada. Cala cintura ardente á sombra do día claro. Canto entrañado mentres abría o seu libro de cadeas. No día seguinte, estabas absorta en min mentres o paxaro de pedra sorría e estas a seguir só. Descansa facendo da noite unha man, non volve o sol ardente a ser a pousada do verdor adozado nos teus mualos onde ti morabas para ser eu o teu corpo enteiro. Pecho os ollos e o pétalo da túa carne me olla sen termo, perfil existencial man que dorme no infinito. Pasas a présa mentres lostrega o asombro dos veos, logo a soidade vai debuxando os beizos do acordar. Dura máis que a vida cada minuto lento de cadeira que paso contigo: a voz da rúa cun dedo na lingua invade o teu sexo, moitas tardes ao solpor cala a noite na cor do penedo, tamén na túa man feita nube de porta.


II

Levando-me ti muller só apañando-me da man dentro do mar solitario. No soño remas cos teus finos dedos entre o arame de espino do vento, carruaxes de espuma onde as bicicletas son a barca do po das preguntas, cando a vellez recoñece o beixo e o instinto do infinito final.


III

Xogábamos a facer fogueiras utilizando a diminuta auga que habitaba nos nosos tremores, inocencia que case non o entendía. Quen che quere desta forma chea de asombro? aínda atraía o eco cando te acariño no misterio diario, derramado entre os vestidos do sorriso. Lá no teu soño, os ollos son o lado durmido da soidade o intre de ceo e bosque que presente o invisíbel dedo do fume despregado do Sol, ispo entregando-se ao suor do xeo.



IV

O beixo continua a ser beixo e latexo a cada minuto, pero non nolo creemos. Como che ouveen es a roupa do silencio, avenida da auga e a barca da luz do mar. O riso das ondas na espuma do sempre era miúda coma ollada da area do deserto trememos no aceno a vida, un nome onde continua o minuto que semella tan doado abrazados no grande parque da sedución.


V

Corpo vivo ao fin no vasto instante. Onde? A fonte onde meter os pés feridos despedía-nos no alto da montaña cada serán, como se a vida fose unha xanela de espellos.

VI

Un dedo, case doce, silencioso abre os ollos alá dentro do amor sepultado. Palabra caixa de segredos lá. Dentro fica en min o lembro do debuxo devastado das afirmacións exactas da dúbida.