(texto e ilustracións)
![]() |
O coello de fentos |
En memoria de Doña Silvina (1917-2010)
que contaba esta e outras historias
A transmisión oral permitiu que pequenos fragmentos dunha tradición haxan pervivido ao longo do tempo. A manifestación cultural a través da palabra é a primeira e ás veces a única forma que temos para poder recibir e expresar coñecementos e ideas.
A tradición oral, a miúdo foi considerada como algo subxectivo e por conseguinte pouco fiábel para poder codificar a información recollida. Non embargantes, partindo da base de que todo contido escrito depende do contexto persoal, ideolóxico, socioeconómico, político... desde o cal nos situamos, onde está a obxectividade?
Á marxe destas aseveracións, na oralidade atopamos un valor intrínseco: o de servir como canle de comunicación para a perpetuación de saberes que doutro modo se perderían no silencio dos tempos, desaparecendo así todo un cúmulo significativo de identidades, memorias, aprendizaxes, éxitos e derrotas.
Grazas á tradición oral, resgatamos a un animal fantástico que dentro da nosa mitoloxía formaría parte dos denominados “animais vexetais”. Rastrexando nas fontes literarias e etnográficas do noso país non atopamos ningunha referencia relacionada coa nosa personaxe: a lebre de fentos.
Descoñecemos como xurdiron moitas das fabulacións que foron embebendo o carácter, a onomástica e a toponimia de cada sitio, sendo pezas clave para a conservación da memoria colectiva mediante o enxeño e a sabedoría popular.