O que é o petróleo

Rafael Toural Dapoza
Manoel Toural Quiroga
(texto e ilustracións)

Vertido da Deepwater Horizon no Golfo de México. NASA

Tanto as sociedades industrializadas como as que non, se alimentan, funcionan e producen preferentemente a partir do petróleo. Se o seu fornecemento cesara de pronto, recuaríamos  a tempos nos que os avances tecnolóxicos de hoxe non serían sequera concebíbeis.

Desastres ecolóxicos como o do Prestige no ano 2002, e o actual da plataforma petrolífera Deepwater Horizon da British Petroleum (BP), no Golfo de México, que verte diariamente ao mar 800.000 litros de cru (fonte, goberno EE.UU.), atinxindo por agora a mancha unha extensión de 10.000 km2 (fonte, Cstars), maior aínda que a superficie da provincia de Lugo (9.856 km2), son presentados como accidentes casuais ou illados e un dos peaxes a pagar para manter o chamado modo de vida occidental. A contaminación mariña ocasionada por aceites minerais ademais de ser frecuente acostuma estar provocada polas propias industrias. Calculase que os océanos receben anualmente entre 5 e 10 millóns de toneladas de petróleo e os seus derivados, froito soamente das operacións de limpeza dos depósitos dos petroleiros, da descarga de lastre e do bombeo de sentinas. Por outro lado, aínda están por avaliar as consecuencias que sobre a flora e a fauna terán estes sucesos.

Aínda que sexa unha obviedade, pode ser oportuno “asomarnos ao interior” desta substancia. Realmente sabemos o que é o petróleo e até que punto forma parte da nosa vida? É certo que se está a esgotar?


Apontes históricos

O uso do petróleo remontase á antigüidade; cando o aprovisionamento estaba limitado polo azar se podían atopar xacementos ao escavar pozos en busca de auga ou salmoira. En Mesopotamia xa se utilizaba como producto farmacéutico, para o calafateo dos barcos, como enfeite e como combustíbel para as lámpadas. Os exipcios empregaban chapapote nos procesos de mumificazón. Estrabón e outros escreben que o betume se usaba na construcción dos Xardíns Colgantes de Babilonia. En numerosas linguas de Asia e Oriente Meio atopamos a raíz naft ou neft (nafta), que dado como nome a un lugar indica con frecuencia a presencia de petróleo na proximidade.


Lume grego. BNE
O xeólogo e matemático chino Shen Kuo (1031-1095), o primeiro en descreber a búsola magnética no seu libro Mengxi Bitan, detalla nesta obra a perfurazón de pozos e a extracción do Shíyóu (aceite de rocha) con bambúe.
O sabio árabe Al-Razi (865-925), a quen se lle atribuie a invención do alambique, descrebe a obtención de queroseno por destilación. Este producto petrolífero, podemos supor que era o chamado lume grego, utilizado primeiro polos bizantinos e logo polos venecianos para incender os navíos inimigos.

Tras a ocupación romana no século I, de Dacia en Rumania e de Galitzia en Polonia, atopamos as primeiras referencias á explotación do petróleo en Europa, cando se comeza a extraer picula ou graxa de peixe. A principios do século XIX e sobre todo nos EE.UU. vendíase como “remedio milagre”, sendo utilizado como lubricante e como alumeante.

En propiedade, a industria petrolífera nace cando o químico Benxamin Silliman en 1856, despois de ver fotografías de torres de perfurazón (hedricks) en busca de sal, ideou xunto ao avogado George Bissel perfurar para extraer gas e petróleo. En Europa a industria tamén comeza en Rumania (Ploiesti) en 1857, onde se construie a primeira refinería que alimentará as lámpadas do alumiado público de Bucarest.


Cando a materia orgánica se fosiliza

O petróleo ten a súa orixe na existencia de animais e vexetais que accidentalmente ficaron sometidos a un réxime especial de descomposición. Acabada a súa evolución biolóxica, uns e outros están suxeitos á acción de bacterias que destrúen os seus tecidos, devolvendo á atmosfera e ao chan os elementos químicos dos cales se formaron.

Entre as distintas teorías sobre a orixe do petróleo, a máis aceptada admite que moi posíbelmente se forme a partir do sedimento que contén materia orgánica tanto vexetal como animal. A xeración prodúcese moi debagar e os últimos estadios no seu desenrolo verifícanse coa intervención de temperatura e presión.

A materia orgánica vexetal provén  de baixas formas de vida mariña, tais como as diatomeas (algas). A animal está composta en grande parte por corais, moluscos e mesmo restos de peixes.

A producción, acumulación e preservación da materia orgánica non degradada son prerequisitos para a existencia de rochas xeradoras de petróleo. Primeiramente, esta materia é sintetizada por meio de organismos viventes, logo pasa a depositarse e a preservarse en sedimentos. Dependendo de eventos xeolóxicos posteriores parte destes sedimentos poden transformarse en compostos de tipo petróleo. É importante comprender que ao longo da evolución da Terra as condicións para a síntese, depositación e preservación da materia orgánica sufriron moitos cambéos.

A forma corrente de imaxinar un xacemento de petróleo é a dun líquido aloxado dentro dunha cavidade. Sen embargo, aínda que este modelo pode existir, é excepcional. Vexamos como se atopa.


Mostra brunida de rocha almacén. RTD
A medida que os sedimentos se fan compactos por efeito da presión formase a rocha nai. Despois por fenómeno de migración o petróleo impregnará areas ou rochas moi porosas e permeábeis chamadas rocha almacén, nas cales o petróleo concentrase e permanece se atopa unha trampa (anticlinal, fallas e domos de sal) que impida o seu escape cara a superficie terrestre onde se oxida e volatiliza.

Os depósitos pódense achar até 15.000 m de profundidade, non embargantes os pozos productivos non atinxen esas profundidades. A forma da conca acostuma ser ovalada, a súa lonxitude é de decenas de quilómetros e o espesor (zócalo) da rocha almacén é escaso pois presenta máximos de 30 metros, o que dificultou, durante moito tempo e antes dos modernos estudos xeofísicos, a súa localización.

Os campos petrolíferos valóranse sempre en función da rendibilidade desde a perspectiva empresarial. Seguindo este criterio,  fanse estimacións que tratan de fixar temporalmente o fin das reservas de cru e que xunto coa información acerca dos novos xacementos descubertos no mundo, son pretexto para orientar a política internacional. Por outro lado, investigacións independentes consideran que se está moi lonxe de poder cuantificar o número de concas existentes nun sistema dinámico como é a Terra e que o seu esgotamento, en todo caso, pode estar situado en torno aos 500 anos.

A prospección das acumulacións de petróleo reviste grande interese. A investigación iniciase co estudo da bibliografía e cartografía máis recente do sector, entón e antes de iniciar as sondaxes delimitase a conca sedimentaria realizando estudos xeolóxicos mediante tres métodos: o magnético, o gravimétrico e o sísmico.


Anomalías gravimétricas no Iraq. En azul, zona petrolífera
O método magnético rexistra distorsións do campo terrestre debidas ás variacións de susceptibilidade magnética e do magnetismo permanente das rochas, detecta anomalías da estructura do zócalo en áreas moi extensas e determina o espesor das capas sedimentarias que non son, polo xeral, magnéticas.

O método gravimétrico mede as fluctuacións do campo de gravidade terrestre. Utilizase para localizar domos de sal, con frecuencia relacionados co petróleo. O sal, ao ter unha densidade moito menor que outros tipos de sedimentos, sinala un mínimo gravimétrico.

Por último, o método sísmico basease na creación dun campo artificial de ondas. Estas propáganse segundo a elasticidade das capas e son recollidas por detectores, tras reflectirse ou refractarse. Este método facilita unha información máis precisa que os anteriores


Aplicacións modernas e contaminación

A suma de coñecementos adquiridos sobre o petróleo permitiu a refinerías e petroquímicas outros aproveitamentos moi valiosos e non soamente
transforma-lo en combustíbel, alumeante ou lubricante.

A primeira aplicación importante do petróleo consistiu na obtención dun substituto do caucho natural, mediante o proceso de vulcanización desenrolado por Charles Goodyear en 1839. En Alemania, para resolver problemas de fornecemento durante a II Guerra Mundial, esta técnica desenvolveuse na súa totalidade e tamén iniciou outras, como a obtención de graxas alimenticias e a síntese do azucre derivado do petróleo, en lugar do longo proceso fotoquímico dos cultivos de cana, inexistentes neste país. Ambos procesos aínda se utilizan.
Actualmente, prodúcense máis de 300.000 substancias a partir dos compostos de carbono e hidróxeno conservados na forma de carbón e petróleo. No mercado existen máis de 300 artigos clasificados como mercadorías coñecidas co nome de ceras, pinturas, vernices, medicinas, xabóns, pneumáticos, tinturas, enfeites e arumes.


Probabilidade. Anomalías gravimétricas en Galiza.
Hoxe en día as fibras sintéticas están a suplantar ás fibras naturais como a seda e o algodón. Dos gases que acompañan ao petróleo prodúcense fertilizantes para repor o azoto nos chans. Outros productos como o etileno úsanse para acelerar a madureza das froitas, e da súa oxidación obtense un insecticida capaz de preservar a madeira.

Outros hidrocarburos arumados (canceríxenos) son, o tolueno utilizado en lacas, pinturas e cintas adhesivas, o butadieno empregado nas carrocerías dos automóbiles, nos xoguetes tipo LEGO e tamén nas carcasas de televisores, ordenadores, etc, o tiofeno de uso principalmente en farmacia.

Convén lembrar que a maioría de hidrocarburos e heterocompostos do cru e os seus derivados como a gasolina, os aceites combustíbeis e os destilados, son altamente tóxicos afectando a longo prazo aos animais e ás plantas.

Para findar, sinalemos que anualmente o redor de 45.000 buques navegan o noso espazo marítimo e que entre o ano 2007 e o que vai do 2010 rexistráronse oficialmente 237 episodios de contaminación marítima. No 2007: 54, no 2008: 39, no 2009:100 e de xaneiro a maio de 2010: 44, causados por petroleiros que aproveitan, ao seu paso fronte ás nosas costas, para limpar os seus depósitos e verter remanentes industriais que tamén transportan.