A auga é un dereito fundamental

Tina Medal Álvarez
TEQU (ilustracións)






Desde fai 19 anos a comunidade internacional, por decisión da Asemblea Xeral da ONU, celebra cada 22 de marzo o Día Mundial da Auga. Data que non en poucas ocasións e na maioría de países pasa completamente desapercibida, sendo silenciada por outros acontecementos conxunturais. A escaseza e o deficiente abastecemento de auga constitúe un problema de proporcións globais, polo que é axeitado lembrar que como Dereito Universal a súa defensa é unha cuestión prioritaria.

Desde o espazo, a Terra ten unha característica cor azul debido a que está composta por 71% de auga, aínda que tan só 2.5% é auga doce. Deste total de auga doce, só o 0.4% se atopa na superficie en estado líquido, o resto está nos glaciares e no subsolo. Esta pequena cantidade de auga doce dispoñíbel estase a esgotar a causa da “cultura” do dilapido, a contaminación e principalmente a má distribución.

Este recurso finito nutrido polo ciclo hidrolóxico da terra utilizase para todo: como auga potábel, en procesos de saneamento, agricultura e industria. Ademais dos feitos da contaminación e os fenómenos naturais tais como a seca, a auga leva décadas sufrindo múltiples agresións motivadas polo uso incontrolado e polas deficientes infraestructuras, indicándonos que o fornecemento da auga á humanidade está chegando ao seu limite.

Non só a conducta individual, inmoral e irresponsábel, se non tamén a decisión política, fai que cada 20 segundos morra un menor no mundo por falta de auga potábel e pola carencia de recursos sanitarios apropiados. Na actualidade, máis de mil millóns de persoas padecen sede e máis do 40% da poboación mundial carece de redes de saneamento básico. Para o 2025, dúas de cada tres persoas no mundo pasarán sede.




Historia da auga

Aínda que o coñecemento e o estudo do ciclo da auga na natureza non foi abordado  até o século XVII, xa no século VII a. C. en China coñecíanse algúns parámetros de como se podía desenvolver.

Se nos seguimos remontando no tempo podemos observar como os primeiros asentamentos humanos conformáronse o redor dos mananciais e dos ríos, dando paso á creación das primeiras comunidades e ao concepto de civilización. Fai o redor de cinco mil anos, en torno aos ríos Nilo, Tigris e Éufrates xurdiron as civilizacións exipcia e mesopotámica. Estas culturas construíron canais tanto para a distribución de auga como para o augueiro das súas poboacións. As liortas pola posesión deste ben natural darían paso aos primeiros conflictos bélicos de importancia, sendo desde entón unha constante histórica ata o presente. Controlar a auga en Oriente Meio significa ter o poder na rexión.

Até que os europeos no século XIX non descubriron as fontes do Nilo, os sabios exipcios pensaban que as medradas periódicas do río se debían á suba do mar pois crían que o Nilo era un brazo do Mediterráneo. Non obstante, foron capaces de seguir as súas variacións mediante a invención dun sistema de escalas (Nilometros) implantadas no seu leito.

O exemplo máis claro de canalización para o transporte da auga seria o dos acueductos romanos. Roma foi coñecida como “a cidade da auga” pois era fornecida por once acueductos. Estas construccións foron erguidas ao longo do Imperio. Aínda en España e Cataluña consérvanse os acueductos de Mérida, Tarragona e Segovia (aínda en uso durante a primeira metade do século XX).

O forno dá santa. Augas Santas (Allariz)
Noutras culturas como na precolombiana ou en Constantinopla o uso das fontes de auga foise perpetuando ata chegar ao mundo árabe e persa, onde atinxiría as maiores coutas de perfección técnica e refinamento. Os árabes foron os que introduciron en Europa, a través da Rota xacobea entre outras, os coñecementos atinxidos desde a antigüidade. Sen embargo, é a partir do século XVIII, no barroco, coa descuberta do corpo individual cando comeza o culto á hixiene.

Contrariamente ao que se acostuma pensar, na antigüidade a hixiene xa formaba parte da cotidianidade, aínda que probablemente asociada a ritos relixiosos. Na Iliada, Homero fálanos de baldes destinadas ao baño. Rituais como o bautismo no catolicismo, o mikvah no xudaísmo e as ablucións musulmana e hindú seguen formando parte viva destas relixións.

A partir do século V a. C. as caldas foron de uso común, o que axudaría á construcción de grandes instalacións empregadas con fins medicinais e para actividades atléticas ademais do uso ritual. Todas as polis gregas, como as urbes de Delfos e Olimpia, contaban con espazos que ofrecían baños de vapor e piscinas de auga quente, amornada e fría. En Galiza, principalmente na provincia de Ourense e no norte de Portugal (Guimaraes e Braga), aínda podemos atopar restos destas instalacións. Exemplo de iso, o chamado forno dá Santa que se atopa na parroquia de Augas Santas (Allariz) e moi preto da fonte termal de Baños de Molgas. Posíbelmente esta sexa unha das máis antigas caldas conservadas. Sobre ela a Orde Templaria construíu unha basílica para a protección dos peregrinos ao paso do Camiño de Santiago.


A auga e a empresa actual

A banca de investimentos JP Morgan nun informe publicado en febreiro de 2008 abordaba o risco inminente de escaseza no abastecemento de auga e o que isto suporía para as empresas. O artigo, baseándose en dados do Instituto de Recursos Mundiais apuntaba, xa nesa data, que a metade do planeta se enfrontaba á escaseza e ao deterioro progresivo dos recursos hídricos en cantidade e calidade. Tamén facíase eco da opinión expresada por outras entidades citando tres factores esenciais como causantes do desequilibrio criado entre a oferta e a demanda, incluíndo a forte medra demográfica, a urbanización incontrolada e o troco climático.

O redor de 30 países teñen actualmente graves problemas de auga. Entre eles, Kuwait, Libia, Qatar, Arabia Saudita, Singapur, etc. Nos EE.UU., o 40% das reservas de auga doce están contaminadas así como os 10 principais ríos do planeta.

Non obstante as tecnoloxías necesarias e os seus correspondentes procesos existen e están aí para dar solución ao problema, por exemplo transformando as augas residuais en auga potábel para evitar así o uso excesivo de auga doce. En algúns casos, estas augas altamente tratadas son recuperadas mesmo para o consumo humano.

Fai tempo, empresas europeas puxeron en funcionamento plantas para o tratamento de augas residuais en lugares como Singapur, obtendo da auga reciclada gris auga apta para beber. Do mesmo xeito, en Windhoek, a capital de Namibia, traballa unha planta de reciclaxe de augas residuais subministrando auga potábel a 250.000 habitantes.


Polo tanto o problema non está na falta de capacidade, se non no pouco interese para afrontar decididamente a súa solución. Ata fai moi pouco, a preocupación social nos países máis desenvolvidos pola sostebilidade do abastecemento de auga, foi baixa ou nula.

De continuar cos niveis de consumo actuais, a Organización para a Cooperación Económica e Proxectos de Desenvolvemento estima que para o ano 2030, o redor do 47% da poboación mundial vivirá en zonas con grave estres hídrico.A OCDE proclama que a situación constitúe "un dos maiores desafíos para o desenvolvemento humano nos inicios do século XXI, supoñendo todo un repto cheo de oportunidades”.

Nos próximos 20 anos EE.UU. ten previsto investir preto de 1.2 billóns de dólares na reparación e mellora da súa infraestructura de xestión hidrolóxica. A Axencia de Protección Ambiental de EE.UU. anunciou cunha parte deste diñeiro se destinará a financiar o tratamento e a recuperación das augas residuais mediante plantas de desalgado e o deseño de membranas de filtración avanzadas, vitais para a desalgazón e os procesos de tratamento de residuos.
Conxuntamente coa capacidade da industria da auga para rendabilizar a innovación e facer fronte a esta ameaza de escaseza, medra tamén a conciencia dos inversores. Así, a visibilidade e o interese na industria da auga multiplícanse xerando, na actualidade, un ingreso anual de 400 mil millóns de dólares. A auga representa unha das maiores industrias do planeta.

No futuro, a auga entrará a formar parte do comercio mundial de igual forma que o petróleo. Pero de momento os peritos cadran en que é máis apropiado investir en innovacións tecnolóxicas e infraestructuras


Dúas posíbeis vías de solución

Ante a imposibilidade humana para aumentar as reservas de auga doce e ante a imparábel contaminación das poucas reservas que fican, dúas posturas se trazan para a xestión deste recurso vital:

A primeira, promovida polos sectores liberais que consideran aos estados como principais responsábeis do dilapido e á auga como unha mercancía máis, polo que proclaman que para a súa eficiente administración e asignación esta debería ser xestionada por empresas privadas.

A segunda, promovida pola ONU e os sectores máis conscientes da sociedade e apoiándose en que a auga é un Dereito Universal, defende unha distribución eficiente e igualitaria como requirimento previo para a consecución dos demais Dereitos Fundamentais. Destinada a satisfacer as necesidades básicas de todos os seres vivos, a auga non pode ser unha mercancía. Han de ser por tanto os estados, escollidos  xunto coas distintas comunidades organizadas, quen deben administrala e preservala .


A auga en Galiza

Galiza caracterizada polas súas importantes reservas hídricas esta sendo conducida, de maneira irresponsábel e irreflexiva, cara a primeira postura. Os servizos de auga e saneamento que  foron preservados case de forma espontánea pola nosa sociedade, desde fai algunhas décadas son transferidos aos concellos para a súa posterior privatización. A desaparición paulatina das fontes locais e o deterioro dos nosos recursos foi case simultáneo. A transferencia dos nosos álveos fluviais ás empresas privadas para a producción de hidroeléctricas forma parte da nosa historia recente. De igual forma que están a ser vendidos os nosos bosques e espazos comunais.

Se non somos capaces de buscar solucións sostíbeis, así Galiza sen servizos sociais da auga, sen ríos e sen bosques encamiñase con paso asine a integrarse tamén na chamada “España seca”.