O papel e a súa difusión a Europa desde Galiza

Manoel Toural Quiroga
TEQU (ilustracións)

O anaco de papel conservado máis antigo (foto: Tsuen-Hsuln Tsien)


A materia que coñecemos co nome de papel constituíu desde fai máis de cinco séculos o suporte da palabra escrita. Apareceu por primeira vez en Europa na península ibérica da man dos árabes, na Idade Meia, no período de máximo esplendor do Califato de Córdoba. Pola Vía da Prata  chegou a Galiza para entón ser difundido ao resto de Europa a través da Rota Xacobea.

Este humilde material, fabricado a partir de refugallos de trapos e cordames foi ao longo do tempo vehículo do pensamento humano. Non embargantes, os sucesivos avances tecnolóxicos foron coutando o protagonismo atinxido polo papel como transmisor cultural e anunciando se cadra a súa substitución nun futuro non moi afastado polas novas ferramentas. Posíbelmente será suplantado polo mundo virtual e dixital, da mesma maneira que substituíu ao nobre papiro (da planta nilótica papyrus).É propio lembrar a súa orixe e a súa historia sen esquecer que o papel chegou a Europa a través da rota cultural do Xacobeo.




Prehistoria do papel

A tradición atribuíu o achado do papel ao cortesán chino Ts´sai Lun no ano 105 d. C., aínda que a súa invención se remonta ao s. II a. C. Tardaría ser coñecido en Europa máis de mil anos, cara meados do século VIII. A cultura árabe tivo coñecemento do papel polo mercado de Samarcanda, onde chegaría desde o afastado oriente.

Ts´sai Lun (conmemorativo chino)
Serían os comerciantes de peles chinos os primeiros que o darían a coñecer aos árabes, destes pasou aos persas e máis tarde chegou a Europa a través da Rota Xacobea. Tempo despois os cruzados terían coñecemento del e ao seu regreso darían conta tamén do achado.



O papel na península

Os primeiros muíños papeleiros están documentados no século XII e atópanse na Spania árabe. Así, o xeógrafo hispano musulmán Al- Idrisi (1100 – 1165) na súa Geographia nubiensis di: en Sateba (Xátiva) et Deniam (Denia) [...] conficitur Papyrus prestantisima et incomparabilis.

Al- Idrisi (ed. 1619)
 O primeiro reino en Europa onde se fabrica papel será Galiza, vértice sociocultural da época. A súa hidroloxía e a abundancia do cultivo do liño facilitarán a creación de muíños e fabrica de lenzos. Os primeiros muíños atopámolos nas cidades de Lugo e Ourense e na parroquia lucense de Aranza, onde aínda a principios do século XX permanecía unha pequena industria papeleira.

Parroquia de Aranza en Lugo (foto: TEQU)

Pierre O Venerábel (1122-1150), Abade do mosteiro de Cluny, despois de ter visitado na península ibérica algúns mosteiros románicos erguidos ao longo da rota xacobea cita: ex rasuris veterum pannorum falando das copias do Talmud que atopara en Compostela confeccionadas con retallos de vellos panos, ao referirse aos manuscritos de papel e non de pergamiño.


Difusión europea

Semella ser que a palabra galega papel, daría orixe tanto á española papel, como á francesa papier e á catalana paper. Pois os muíños galegos que irían desenvolvéndose ao longo do camiño francés na súa parte peninsular e os árabes de Valencia pronto darían paso a outros en Catalunya e pasarían a través dos Pirineos para establecer novos centros productores en Montpellier e Perpignan. Desde aquí estenderíanse por toda Francia transportando consigo o vocábulo galego orixinal.

Spania e Galiza son os primeiros lugares que coñeceron e produciron papel en Europa, ou alomenos os únicos que poden documentar o seu uso. Aos muíños mencionados engadiremos os situados en Toledo tamén no século XII. No seguinte século atopamos outros en Catalunya, en Xirona e Manresa. Con todo, o primeiro documento peninsular do que se ten noticia estendido en papel corresponde ao repartimento de Valencia establecido en 1237 polo rei Xaime I e conservado no Arquivo da Coroa de Aragón.

Llibre del repartiment (ACA)
O novo producto non se imporá de golpe sobre o pergamiño, o mesmo que na actualidade as novas tecnoloxías non están a substituír con rapidez ao papel. Nos seus comezos foi un substituto de baixa calidade utilizado para escritos curtos e perecedoiros: cartas, borradores e similares. Cando algunhas chancelerías expedían ou recibían documentos en papel, legalmente eran advertidas da necesidade de o proscribir e deborcalo ao pergamiño, considerando este máis duradeiro e resistinte.

Así por exemplo, en 1145 Roxer de Sicilia ordenaría que todos os diplomas redixidos en carta cuttanea, é dicir en algodón-papel, pola súa condición perecedoira fosen pasados a pergamiño para entón destruí-los. Así mesmo, en 1231 o Emperador Federico II prohibe que se redixan actas públicas en papel.

Seguindo coa introducción do papel en Europa, este chegaría a Alemania e a Basilea pola Rota Xacobea da man de dous artífices galegos, de nomes Antonio e Miguel, o redor de 1470 tal como recolle o botánico inglés John Ray na súa Historia Plantarum (1688): Chartae ex Papyro in desuetudinem obierunt; novo chartarum artificio circa Annum 1470 (quo tempore ex Gallicia duo viri Antonius et Michael in Germaniam et Basileam venerunt, et fecum artem illam antea Germanis ignotam attulerunt) invento; Lintea scilicet usu detrita et flaccida [...]. Da importancia diste dato xa deixou testemuño Martín Sarmiento na súa Obra de Seiscientos Sesenta Pliegos que trata de Historia Natural y de todo género de erudición (redactada entre 1762 y 1766) cando di: Voy a proponer una singular noticia que a todos causará admiración, y en especial a los gallegos, facendo alusión ao dito por John Ray.

Historia plantarum (1688)
Como se indicou, semella ser que as tropas cristiás da sétima cruzada cativas en Terra Santa, tamén descubriron o segredo da súa fábrica e estableceron importantes centros de producción papeleira en Venecia e Monferrato.

No século XIII, en Galiza e noutros lugares peninsulares aínda se dubidaba para dar nome ao novo producto; designaba-se-lle alternativamente como pergamiño de trapo, ou pergamiño de papel.







A súa fábrica

A fábrica do papel requiría dunha grande cantidade de retallos de tecidos ou de refugallos de cordas e de calabrotes de cánabo, o que unido á necesidade dunha corrente de auga clara para a instalación dos muíños, deu lugar á incipiente actividade papeleira augas en riba, preto das localidades situadas a beira dun río.

A elaboración do papel levase a cabo por meio dun laborioso proceso que podemos dividir en dúas fases distintas: a primeira e necesaria até chegar á obtención da pasta e a segunda que partindo desta acabará co secado e polimento dos pregos fabricados.

Por ser os trapos e os refugallos de cánabo obtidos de cordas e sogas a materia prima medieval para a fábrica do papel, a crecente demanda deste novo material deu lugar ao oficio de trapeiro. A pasta formada a base de madeira é de invención máis moderna (s. XVIII), ficando regularizado o seu uso a partir do século XIX. Os trapeiros recollían os desfeitos e levábanos aos muíños papeleiros, onde en primeiro lugar se procedía a súa selección. Os trapos de cor eran rexeitados posto que non eran aptos para a fábrica de papel destinado á escritura. Á súa vez os brancos separábanse en varias categorías, por un lado os que proviñan de materias vexetais: liño, algodón e cánabo, e por outro os procedentes de materia animal: lá ou seda; xa que ao non poder ser branqueados convenientemente estes últimos eran destinados á confección de papel de embrullo. Dentro dos brancos procedentes de materia vexetal atopábanse os de lenzo, sendo os únicos que se destinaban ao papel de mellor calidade pola súa brancura e fineza, xa que os de algodón ou cánabo resultaban un tanto escuros.

Trapeiro (debuxo: TEQU)
Tras esta primeira operación de selección e trociscado, púñanse os trapos a podrecer ou a fermentar lentamente en pías, para que perderan a graxa, até obter unha especie de pasta ou magma. Este proceso requiría varias semanas, nunca menos de cinco ou seis e máis aínda en función da calidade do trapo que contivese cada pía. A esta operación de fermentación seguíalle o apisoado, consistente en encher as pías con auga xabonosa e unha vez ben cargadas de trapos estes recibían o aporreado duns mazos co fin de reducir a masa pastosa dos trapos podres para os transformar nun conglomerado de frebiñas que era preciso non quebrar en demasía para unha boa solidez do papel. Despois dun bo lavado e coado da pasta prémianse formando placas para as pór a escorregar do exceso de líquido, o que daría fin á primeira fase do proceso.

A segunda fase comezaba por diluír máis ou menos as placas da pasta por inmersión en auga quente segundo o espesor ou corpo que se lle quixese dar ao papel.

Para alzar o prego en curso de fábrica utilizábanse uns bastidores de madeira cuxos listóns estaban unidos entre si por finos fíos de latón, denominándose lonxitudinalmente os tendidos como corondeis e transversalmente como puntizóns. Obviamente a forma mergullada na pasta tería a mesma dimensión do prego e ao desprenderse no secado conservaría as pegadas dos corondeis e dos puntizóns visíbeis ao trasler. Os fabricantes de papel idearon que ao dobra-los se formaba un debuxo ou marca própria (filigrana) e que se ven mantendo até a actualidade. De tais marcas temos constancia desde finais do século XIII.

Filigrana e puntizóns
 O prego desprendido da súa forma tendíase sobre un feltro para que absorbera o exceso de auga, sendo ben prensado unha e outra vez até o espremer por completo. Por último estendíanse os pregos nun tendal ao ar libre para o seu definitivo secado i evitar que as follas de as deixar así absorberan a tinta e causasen borranchos para ser tratadas con grude e ao fin satinalas e bruni-las .

Globalmente e aínda que a forma de obtención do papel permaneceu inalterada até a actualidade, xa desde o século XIX se buscou prescindir da forma para poder fabricar papel continuo en grandes rolos e balas de dez resmas e que son as que se utilizan para a prensa diaria. Non obstante, para as edicións especiais aínda se segue fabricando papel de modo artesanal, tal como se facía na Idade Meia.


O prelo

O papel atinxiu a súa máxima expansión coa invención do prelo achando neste o suporte ideal. Tal triunfo non se puido prever con facilidade. Por exemplo, en 1415, Xerson chanceler da universidade de París, na súa De laude scriptorum desaconsellaba aos estudantes que o utilizasen para os seus libros ou notas; pois aínda que era máis económico que o pergamiño era moito máis fráxil e perecedoiro. Hai que ter en conta que o papel medieval non podía competir en finura coa vitela por ser un tanto groso e rugoso, nin tampouco en resistencia co pergamiño común. Ademais tamén pola súa áspera superficie recibía peor a escritura manuscrita. Aínda que, como xa sinalamos, pola súa maior abundancia e baratura así como por unha mellora continuada na súa calidade, o papel foi impoñéndose cada vez máis. Aínda a principios do século XVI, non se desterrara por completo ao pergamiño no que se continuaban realizando os fermosos Libros de Horas miniados, pero chegados ao 1600 o prelo e o papel desprazaron definitivamente ao pergamiño.

Prelo

Soamente o papel puido responder á insaciábel demanda das prensas. Tan só a finísima vitela de abortón nonnato era susceptíbel de recibir a impresión, aínda que se trataba dun material cada vez máis caro e escaso, mentres que o papel se abarataba. A multiplicación mecánica dun orixinal xamais fose posíbel de modo masivo só a base de peles. Así calculouse que cada un dos exemplares da Biblia de 42 liñas de Gutenberg, cuxos 340 folios meden 42 x 62 cms., esixiu 170 peles. O mesmo que os 30 exemplares tirados en pergamiño esixiron unhas 5000 peles. De ter chegado ao centenar fosen necesarias 15.000 peles suplementarias. Admira pensar que se realizasen tantos libros de luxo nos séculos XV e XVI utilizando vitela, se ben é certo que eran de tamaño máis pequeno.