En Galiza tamén se construían os primeiros telescopios



Manoel Toural Quiroga
Ilustracións TEQU

O telescopio de Galileo e Venecia

Publicado en A Nosa Terra (nº1350, 2009)

En 1609, Galileo mostraba en Venecia o seu telescopio. Kepler editaba o libro Astronomía nova. Estes acontecementos xustifican que este 2009 sexa declarado Ano Internacional da Astronomía. No século XVI na Galiza xa se construían telescopios.


Astronomía Nova (1609)
As observacións de Galileo confirmaban a veracidade da hipótese  de Copernico (1473-1543) establecida na obra De Revolutionibus Orbium Coelestium (Sobre as Revolucións das Esferas Celestes). Johannes Kepler (1571-1630) no seu libro, describe as leis fundamentais da mecánica celeste, afirmando que o movemento dos planetas o redor do sol, presenta órbitas elípticas. Galileo Galilei (1564-1642) realiza descubertas asombrosas que mudan a percepción do mundo para sempre. Na Lúa atópanse montañas e cráteres. O planeta Venus presentaba fases como as do noso satélite. O redor de Xúpiter orbitaban outros corpos. A Vía Láctea, deixaba de ser unha inmensa nube de fume e revelaba infinidade de estrelas, invisíbeis ao ollo humano até entón. Os detalles das súas observacións publícaos no libro Sidereus nuncios (O mensaxeiro das estrelas).

Sidereus Nuncius (1610)
 Desde o século anterior, sabíase da existencia dun tubo óptico que facía que os obxectos afastados se visen máis preto. Viña empregándose con fins militares e marítimos. Galileo ouviu falar do enxeño ao matemático Paolo Sarpi (1552-1623) e deseña o seu propio modelo con fins mercantís, sen prever as súas posibilidades astronómicas. Presenta o seu instrumento ante o Senado, cedendo os seus dereitos á República de Venecia, moi interesada polo uso militar do obxecto. En recompensa, é confirmado de por vida no seu posto de docente en Padua e os seus emolumentos sonlle duplicados.

Non embargantes, a xenialidade de Galileo foi a de focar o seu anteollo cara o espacio. Despois de realizadas as súas primeiras observacións astronómicas, seguirá aperfeizoando para penetrar no coñecemento do cosmos. Até entón, o instrumento coñecíase co nome de Lente espía. A denominación de telescopio, daralla o matemático grego Giovanni Demisiani en 1611 nunha cea ofrecida en Roma, en honra a Galileo.

Os inventores do Telescopio

Os núcleos de poder se apropian sempre das potencialidades existentes nas súas periferias, impedindo así o desenvolvemento propio de cada comunidade. Ao mesmo tempo, xeran para manter o control social das metrópoles, os seus propios mitos. Falseando ou ocultando calquera elemento que puidese perturbar a súa particular orde cultural.

O telescopio foi inventado en varios lugares de Europa no século XVI. É moi difícil pór nome propio á persoa que o inventou. Desde séculos antes, víñase traballando nas posibilidades de acolar cristais elaborados con formas, cóncava ou convexa. Roger Bacon (1220-1292) xa descubrira que podían mellorar a visión dos individuos.

Observacións da lúa por Galileo (con notas manuscritas)
Os libros de historia do sistema educativo, dan por segura a paternidade da invención. Pero tal aseveración presenta certas arestas.

Hans Lippershey (1570-1619) alemán establecido en Holanda, era constructor de lentes e é considerado  como o inventor do primeiro telescopio. Pero foi así realmente?

Outros como el, tamén se dedicaban a fabricar lentes e calquera que dispuxese dunha cantidade suficiente, houbera podido inventar o aparello por accidente. Así en 1589, Giambattista della Porta (1535-1615) describe no libro Maxia naturalis un enxeño que ben puidese ser un telescopio. En 1604, o óptico Zacharias Jansen (1580-1638) afirmou que xa construíra unha lente espía. O que si fixo Lippershey, foi vender o instrumento ao goberno holandés con fins bélicos. Aparellos semellantes ofreceranse á monarquía francesa como arma segreda.

Deseño de lente espía
Comezase a aceptar na discusión a posibilidade da paternidade catalana do invento. Mesmo se fai mención dela nalgúns manuais de historia. Esta hipótese aparece por primeira vez en 1891 na obra Apuntes para una Biblioteca Científica Española de Felipe Picatoste, apoiándose na obra de Hieronymi Sirturi Telescopium... de 1618. Desta libro citase unha pasaxe na que se fai referencia ao viaxe do autor a Cataluña onde coñece a un constructor de telescopios chamado Roget. En absoluto se fai referencia a outras pasaxes da obra nin a outras fontes que sinalan algo moi diferente.  Do anterior faise eco, en 1958, Simón de Guilleuma quen publica o artigo Juan Roget, óptico gerundense, inventor do telescopio, e os Roget de Barcelona, constructores del mismo. Partindo dunha escura traducción do texto orixinal de Sirturi, establece a xenealoxía completa do tal Roget. A partir deste intre, xorden novos traballos en apoio desa concepción. Así, en 1976, Joan Vernet en Historia de la Ciencia Española confirma os dados de Guilleuma e aporta un testamento de 1593 no que se fala da venda en publica poxa dun uller de llarga vista, propiedade dun tal Jaume Galvany. Máis recentemente, en 1983 Victor Navarro, no Diccionario Histórico de la Ciencia Moderna en España amplía os traballos xa mencionados de Vernet e Guilleuma e segura que a familia Roget construía telescopios en Barcelona e Xirona o redor de 1590, indicando que a finais do século XVI e principios do XVII, en Sevilla, Madrid e Lisboa tamén se construían anteollos vendidos como curiosidade a nobres e burgueses.

En todas as publicacións mencionadas, non se fai a máis mínima referencia ao noso país. Esquecen na construcción do mito, outras fontes que aportan e contradín certezas sinaladas neses estudos.

Os obradoiros d´A Coruña

En 1909, revistas científicas de diferentes nacionalidades, publican artigos para celebrar o terceiro centenario da invención e aplicación do telescopio. O científico galego, Xosé Rodríguez Carracido (1856-1928), pioneiro na implantación do rigor científico dentro da universidade galega e española, somase a este acontecemento publicando en 1910, unha reseña onde quería deixar constancia dunha serie de dados descoñecidos até ese momento e pedía á luz dos mesmos, unha reparación histórica . O qué se refería?

Capa do libro de Robison
No seu artigo, Carracido afirma que na Coruña no século XVI, construía telescopios un tal Roxete, con anterioridade aos artífices holandeses. Apoiando a súa aseveración, cita a pasaxe da obra de Sirturi, na que baseara as súas conxecturas Guilleuma. O libro Les quatre astronomes de Frederic Maignet, e o que até ese momento foi ignorado pola historiografía: A System Mechanical Phhilosophy, obra póstuma do físico e óptico británico John Robison (1739-1805), publicada en 1822. No tomo terceiro deste libro, afirmase que no século XVI o constructor de lentes Roxete construía telescopios n´A Coruña e utilizaba ferramentas de distintos tamaños para facer lentes cóncavas e convexas.

Roxete. Carme Dapoza Bouzas
Nesa época, o porto da Coruña converterase nunha importante base naval. Preto del e fora da muralla da Cidade Alta, xurdiría no istmo da cidade, o bairro da pescaería. Nel aséntanse vellos e novos oficios. Conviven mariñeiros, pescadores, mareantes, albaneis, artesáns da madeira, do coiro, das especies, do vidro, do téxtil. Todos trocaban os seus productos con Flandes e outros países europeos. Probablemente aquí tivese situado o seu obradoiro de óptica o viveleiro Rogete. Até agora foi pouco estudada a vitalidade do comercio d´A Coruña co norte de Europa. A Inquisición chegou a propor o peche dos portos galegos, co pretexto de evitar o contaxio Luterano. O bairro da pescaería sería destruído polas tropas británicas a finais do século XVI, como resposta ao tento español de invadir as illas Británicas. Outros ataques sofridos posteriormente, impedirían que o espírito artesán do bairro volvera a recuperarse.

A Coruña. J. Ximeno