Ksado. |
Recentemente, a Biblioteca Tomas Navarro Tomas do Consello
Superior de Investigacións Científicas (CSIC) puxo en valor, mediante un
proceso de dixitalización, unha colección, do fotógrafo Luís Casado Fernández,
máis coñecido por Ksado, composta por 316 viñetas da serie Visite
Galicia, editada durante a II República e descoñecida até o momento. Este
fotógrafo, vinculado á Xeración Nós foi referinte da fotografía galega até non
fai moito tempo e no seu haber conta cun dos arquivos fotográficos máis
importantes de Galiza.
Firma orixinal de Ksado. |
A obra atopada entre as páxinas do Tratado de anatomía
patolóxica de Isaac Costero, consta dunha serie incompleta de fotografías
pero moi ampla. Ao semellar, esta sería complementaria doutras similares
editadas por Ksado, como Estampas Composteláns e Estampas de
Galicia.
Ksado
Luís Casado Fernández (Ksado), naceu en Ávila en 1888 e
cando tiña seis anos se foi coa súa familia a Ourense. Desde ese momento viviu
e desenvolveu o seu traballo en Galicia, onde permaneceu até a súa morte en
Santiago de Compostela o 6 de febreiro de 1972.
Publicidade do estudo de Pacheco. |
Aos dez anos entrou como aprendiz no estudo fotográfico de
Xosé Pacheco na rúa de Alba (actual Cardeal Quiroga). En 1911 coñece a Otero Pedraio,
da súa mesma idade, que torna a Ourense despois de ter acabado os seus estudos
de Filosofía e Letras en Madrid. Froito da súa amizade e entendemento,
ingresasen ambos nas Irmandades dá Fala en 1918.
En Ourense ficaría até 1915 para entón trasladarase a
Compostela e abrir o seu propio estudo, no número 23 da rúa dó Vilar. Aquí establece
relacións con outros fotógrafos importantes da cidade, entre eles Almeida,
Sánchez-Guerra e Chicharro Bisi.
Estudo de Ksado en Compostela. Ksado |
Nestes anos Ksado afonda na técnica fotográfica e en 1917
desenvolve a súa propia. Dous anos máis tarde, en 1919, efectúa unha viaxe a
París para mercar novo material, algúns obxectivos e un grande angular.
Elección de Otero Presidente do Seminario de Estudos Galegos en 1936. Ksado. |
En 1922 deixa o estudo compostelán en mans da súa irmá
Carme e decide trasladarse á rúa dó Príncipe en Vigo, onde ficará até 1936. A consecuencia do
golpe de estado fascista interrompe as súas actividades e pecha o seu estudo
viguense. Torna a Compostela e desde esa data dedicarase ao traballo habitual
de calquera outro estudo fotográfico convencional. Até ese momento Ksado
participa activamente no movemento galeguista, e pódeselle considerar como o
fotógrafo oficial da Xeneración Nós.
Otero Pedrayo nos anos 30. Ksado. |
O longo da súa vida mantivo colaboracións con moitos meios
de comunicación galegos (Céltiga, Galicia, Faro de Vigo, El Pueblo Gallego,
Vida Gallega), españois (ABC, El Nuevo Mundo, La Esfera, Mundo Gráfico,
etc), co xornal catalán La Vanguardia e arxentinos
como Diario de la Marina, La Nación e La Prensa. A súa calidade profesional
permitiulle realizar exposicións, aínda que pouco frecuentes naquela época, en
Madrid, no Círculo de Bellas Artes, no Palacio de Cristal e no Centro Galego.
Tamén en Ponferrada e Bos Aires, así como en Galicia, Vigo e Betanzos.
En 1961, ilustra a Guía de Galicia editada pola Enciclopedia
Espasa e tamén a Agrupación Fotográfica Galega noméao presidente e lle rende
unha homenaxe en recoñecemento ao seu labor. En 1997, na súa honra criouse o Premio de creación fotográfica Luís Ksado. Pouco antes dos eu
pasamento pásalle o seu estudo ao fotógrafo Sandine.
Obra
publicada
Con independencia da súa obra como fotógrafo profesional e
dunha longa serie de postais e cromos, de tirada moi reducida, hoxe espallada
e practicamente perdida, cabe sinalar os
agrupados co nome Fotos de Galicia que levan no seu reverso o selo Fotos de Galicia/KSDO/SANTIAGO-VIGO/Prohibida a reprodución e unha serie
de postais turísticas que se conservan co nome Colección Ksado e
que até o presente tan só se coñecen vintenove delas, sendo a máis antiga de
1941.
Ksado publicou dous libros de fotografía. O primeiro en
1928 Estampas compostelanas, consta de 56 láminas e está dedicado á
arquitectura e aos monumentos da cidade. Prologado por Salvador Cabeza de León
(1864-1934), membro da Asociación Rexionalista Galega que en 1891 participou no
traslado a Santiago dos restos de Rosalía de Castro así como na convocatoria
dos primeiros Xogos florais galegos. Cabeza de León tamén foi fundador e
presidente do Seminario de Estudos Galegos e un dos redactores do Anteproxecto
do Estatuto de 1932. O exemplar do libro de Ksado foi reeditado en 1948 con
motivo do Ano Santo Xacobeo.
Capa de Estampas Compostelanas. 1928. |
O segundo libro Estampas de Galicia publicado
en 1936, cunha tirada de dez mil exemplares e catrocentas cinco fotografías do
país, tanto de monumentos, localidades e paisaxes, como de campesiños e
mariñeiros traballando. Con este traballo pretendía exaltar os valores
panorámicos, monumentais, históricos, artísticos, típicos e lendarios dá nosa
terra. O libro presentaba formato de álbum de cromos, onde se pegarían as
fotografías que variaban entre un tamaño de seis por nove e doce por dezasete
centímetros. Este volume está considerado como o seu legado máis importante á historia
da fotografía galega.
Capa de Estampas de Galicia. 1936. |
A colección do CSIC
A colección que agora presenta o CSIC recebe o nome de Visite Galicia. Consta dunha serie de viñetas fotográficas que
mostran desde cidades e paraxes naturais até tipos populares da Galiza de principios
do século XX. Dita serie está composta polo material recollido no transcurso
dunha viaxe por Galiza, en 1929, co xornalista Xosé Seixo e financiado polo
xornal El Pueblo Gallego. Da viaxe tornaron con máis dun milleiro de fotografías
que serviron de base para a serie de cromos: Estampas de Galicia (1936), así
como para a serie de viñetas Visite Galicia e outra sobre Santiago. Estas
coleccións, de grande aceptación na súa época, ficaron truncadas polo golpe de
estado de 1936. Algunhas perdéronse e outras pegáronse nas cartas para as
pechar, a modo de publicidade turística.
A biblioteca Tomas Navarro Tomas do CSIC, criou o seguinte enlace, donde podese acceder a esta colección: http://biblioteca.cchs.csic.es/visite_galicia/index.html