O enxovallo enerxético. Explosivos e máquinas

Manoel Toural Quiroga
(texto e ilustracións)

 Eolípila. A primeira máquina de vapor coñecida.

A Filosofía da Ciencia recolle o significado de enerxía da definición dada pola ciencia Física: medida común ás diversas formas de movemento da materia. Falar da realidade obxectiva da enerxía, da súa manipulación e da súa aplicación histórica, de entrada presenta certa singularidade derivada do mal uso dado ao termo. Tampouco existe ningunha lei que protexa contra o "exercicio ilegal” das palabras, nin condena para aqueles que abusan delas por propagar falsidades ou para xustificar ideoloxías herméticas. A sociedade debe de estar informada e non deixarse engaiolar polos que se valen de falaces enunciados para facer críbeis os seus delirios.

As máquinas e os explosivos feitos polos homes focalizan o uso da enerxía e expresan o seu dominio mediante o desenvolvemento tecnolóxico, pero isto non sempre contribuíu ao benestar da humanidade no seu conxunto.

O calor, esa enerxía primaria conquistada polo home das cavernas para preparar alimentos e para se preservar do frío, pouco despois será utilizada para facer a guerra, queimando os bosques e as fortalezas dos inimigos. Coa aplicación directa de substancias en combustión levadas polos guerreiros ou chimpadas mediante o uso da forza elástica das madeiras destruíronse poboacións e bens. Estas técnicas serán melloradas considerábelmente no século XX coa aparición dos lanzachamas, capaces de propagar incendios non sufocabeis pola auga.
 

No século II, Aulo Gelio na súa obra Noctes Atticae, consigna que o lugartenente Arquelao do exército de Mitrídates, 87 anos antes da Era Cristiá no ataque a Roma, impedira que as súas torres defensivas fosen queimadas utilizando un composto alumine, ignífugo para a madeira.
 

Por outra parte, se observamos o furor dalgúns estados construíndo barcos cada vez máis grandes, enche-los de cañós e usa-los como instrumento de conquista, sen pensar antes en como aproveitar a tecnoloxía atinxida para outros fins e sen reflexionar acerca da violencia xerada, non podemos menos que surprendernos.

 


Os explosivos

Durante moito tempo os seres humanos só dispuxeron da súa forza muscular, a  dalgúns animais, a do vento e a das augas correntes, sendo a madeira a única fonte de enerxía térmica utilizada. Cando en China se descobre outra forma de combustión máis rápida que a combinación de carbón e osíxeno, esta será aproveitada para construír proyectis destinados ás guerras. Dita combustión obtida a partir da mestura de fuel e un oxidante empregarase nos primeiros foguetes polos chinos, os mongois e os árabes.

As substancias de carácter explosivo non se atopan na natureza pois son producto do enxeño humano. Non obstante, en circunstancias especiais certas substancias naturais como o gas ou o pó de fariña, poden formar combinacións explosivas co ar. Por iso no medievo, as candelas, as lámpadas e outras fontes de lume estaban vedadas nos muíños de cereais.

Vasa (lanzafoguetes) medieval.

As descubertas e sucesivos aperfeizoamentos dos explosivos foron de aplicación exclusiva na guerra e somente se se empregaron noutras operacións como a construcción de camiños, canais, portos, etc. É a partir do século XVIII, coa Revolución Industrial, cando a utilización da hulla comeza a xeneralizarse con fins non bélicos, como fonte de enerxía térmica e mecánica.
 
Nos primeiros ensaios para preparar explosivos misturáronse dous compostos combustíbeis: carbón vexetal e enxofre con salitre (alto contido de osíxeno). No século XIII, o científico e filósofo inglés Roger Bacon (1214-1294), con dados obtidos de antigos escritos promanantes posíbelmente de China, fabrica a primeira pólvora negra. Pouco despois nace a artillería e as armas cortas de fogo que mudan as técnicas de guerra facéndoa aínda máis mortífera.

Soldado disparando un proxectil incendiario.

En 1847 o químico italiano Ascanio Sobrero descubriu a nitroglicerina, logo en 1870, ao engadirlle silica, o enxeñeiro sueco Alfred Nobel inventa a dinamita. Tres anos antes, en 1863 o químico alemán Joseph Wells dirixira a súa atención cara a enerxía contida nos hidratos de carbono, graxas, hulla e petróleo. Introduciu dentro das moléculas, estábeis na súa forma natural, un potencial desintegrador en forma de nitrogrupos, voltándoas inestábeis. Deste xeito fabricou o composto nitrado coñecido como trinitrotolueno (TNT), que nun primeiro momento se utilizou como tinguidura amarela tamén nas tinturarías de Galiza.

 

As máquinas


A idea de construír motores para o aproveitamento da enerxía derivada do calor é moi antiga. Xa na obra de Hero de Alexandría, Pneumática (s. I) describíase a elaboración dunha turbina de vapor, a Eolípila.

Moito despois, en 1601 Giovanni Battista della Porta presenta un proxecto semellante. En 1663 Edward Sommerset desenrolou a idea de transportar auga desde o primeiro andar até o segundo, no seu castelo de Londres. En 1698 o mecánico Thomas Savery patentou un dispositivo para o drenaxe da auga das minas e axudou ao ferreiro e inventor Thomas Newcombes, en 1705, a desenrolar o primeiro motor de vapor con pistón, seguindo ideas expostas, en 1690, por Denis Papin, o inventor da pota a presión (1679). O motor de Newcombes ficou esquecido nos sótaos da Universidade de Glasgow, até que en 1763, James Watt foi chamado para proceder a súa reparación. Mellorando as súas características obtivo a primeira patente da que parten todas as máquinas de vapor posteriores.



Orixinal de Papin.


Cara 1800, Ferrol era considerada a maior cidade de Galiza posto que desde a primeira metade do século XVIII a construcción naval militar española estaba concentrada nos seus arsenais. É aquí onde, en 1771 co fin de paliar defectos de fábrica, se reformou o navío Santísima Trindade, construído na Habana en 1769. Despois de ter participado en varios combates e ficar seriamente danado tornou de novo a Ferrol para ser reparado e convertido no barco de guerra máis importante do seu tempo. O único no mundo, dotado con 4 pontes sería a nave capitana dos españois na Batalla de Trafalgar (1805), na que tamén participaron outros buques construídos e equipados no Ferrol, como o Monarca, o San Leandro, o Argonauta, o Montañés e o Neptunio.

Plano instalación bomba de vapor (Ferrol, 1813).

Desde o primeiro tercio do século XIX, as continuas derrotas da flota española motivaron a decadencia do arsenal, e a actividade en toda a bisbarra de Ferrolterra ficou paralizada. Pois se entre 1750 e 1800 botáronse máis de 150 navíos de todo tipo, entre 1800 e 1850 non atinxiron a ducia. Coa chegada da máquina de vapor, no Ferrol instalouse o modelo de Sauvery (plano de 1813) para drenar a auga dos diques. No arsenal da cidade e despois dunha serie de fracasos iniciais, en 1855 inauguraríase a Factoría de Máquinas de Vapor, da que sairía, en 1858, a primeira máquina de vapor construída no estado español e empregada na goleta Covadonga. Tamén é nesta época cando o ferrocarril fará a súa aparición en Galiza, en 1873, coa liña Santiago-Carril.

 

O motor de explosión e a gasolina


Da prehistoria á antigüidade pasa un longo período de tempo durante o cal os anos pódense contar por millóns. Desde a época clásica á invención dos primeiros motores o tempo transcorrido non chega a dous mil anos, pero é a partir de finais do século XIX cando o desenrolo científico e tecnolóxico sofre unha aceleración inusitada e que en ningún caso se corresponde co progreso pola conquista dos dereitos humanos básicos.

O uso da gasolina no motor de explosión interna constitúe en realidade a primeira aplicación dun explosivo potente para usos non destructivos.

Publicidade dos coches Castro.

Para 1865, en Alemania experimentase a máquina de combustión interna, usando como detonante o benzol, derivado do carbón e baseado nos mesmos principios mecánicos da máquina de vapor. En 1897, Alemania, Francia, Inglaterra e os Estados Unidos comezan a desenrolar máquinas de combustión destinadas ao automóbil. Baseados nestes mesmos principios mecánicos, cara a segunda década do século XX, nacen os motores de aviación. A turbina de reacción, sendo a primeira idea de motores deste tipo, conquista a navegación marítima.
Coa introducción dos motores de combustión interna, os primeiros coches fan a súa entrada en Galicia en 1903, da man do industrial lucense afincado en Catalunya, Xosé María Castro Fernández, fabricante dos coches Castro e máis coñecidos para a historia do automóbil como a Hispano-Suíza.

O primeiro coche Castro que circulou por Galiza.

Así mesmo o desenrolo da técnica eléctrica que necesita motores e turbinas fai medrar a industria en proporcións insuspeitas a nivel xeral. En Galiza, a aparición da luz eléctrica foi moi rápida. Desde os seus inicios en Pontevedra en 1888, pronto levouse a todas as cidades e vilas nos 8 anos seguintes. Non obstante, a maior parte da poboación galega, concentrada principalmente en zonas rurais, non puido beneficiarse até ben entrado o século XX. A pesar de que en 1925 comezara xa a etapa dos grandes encoros coa instalación de 24.000 HP na Central que hoxe é Tambre I, aínda a principios da década dos 70, moitas parroquias de Galiza carecían de alumado eléctrico. Durante anos a case totalidade da enerxía producida no noso país era exportada cara fora, tanto cara España como cara o sur de Francia.

 

O poder dalgúns explosivos

A gasolina, producto da destilación do petróleo cru, é un explosivo de alto poder enerxético. Un gramo de vapor de gasolina mesturado con ar, na proporción de 1 a 14, produce na súa detonación o equivalente a 2.500 calorías. Mentres que o TNT xera soamente 1.000 calorías, pola mesma unidade de peso.

A diferencia de acción das dúas substancias é, sen embargo moi importante, porque o desprendemento de enerxía no TNT se produce nunhas tres millonésimas partes de segundo, mentres que a mestura ar-gasolina, necesita un décimo de segundo para ceibar a súa enerxía. En consecuencia a gasolina resulta mais fácil de domesticar.

Se agora comparamos a enerxía contida nun gramo de TNT coa enerxía atómica contida nun gramo de uranio, atopamos que a enerxía producida pola explosión atómica dun gramo de uranio equivale á producida por 19 millóns de gramos de TNT, pero ademais a velocidade da reacción é de mil millonésimas de segundo.