(texto e ilustracións)
![]() |
Eolípila. A primeira máquina de vapor
coñecida.
|
A Filosofía da Ciencia recolle o significado de enerxía da definición dada
pola ciencia Física: medida común ás diversas formas de movemento da materia.
Falar da realidade obxectiva da enerxía, da súa manipulación e da súa
aplicación histórica, de entrada presenta certa singularidade derivada do mal
uso dado ao termo. Tampouco existe ningunha lei que protexa contra o
"exercicio ilegal” das palabras, nin condena para aqueles que abusan delas
por propagar falsidades ou para xustificar ideoloxías herméticas. A sociedade
debe de estar informada e non deixarse engaiolar polos que se valen de falaces
enunciados para facer críbeis os seus delirios.
As máquinas e os explosivos feitos polos
homes focalizan o uso da enerxía e expresan o seu dominio mediante o
desenvolvemento tecnolóxico, pero isto non sempre contribuíu ao benestar da
humanidade no seu conxunto.
O calor, esa enerxía primaria conquistada
polo home das cavernas para preparar alimentos e para se preservar do frío,
pouco despois será utilizada para facer a guerra, queimando os bosques e as
fortalezas dos inimigos. Coa aplicación directa de substancias en combustión
levadas polos guerreiros ou chimpadas mediante o uso da forza elástica das
madeiras destruíronse poboacións e bens. Estas técnicas serán melloradas
considerábelmente no século XX coa aparición dos lanzachamas, capaces de
propagar incendios non sufocabeis pola auga.
No século II, Aulo Gelio na súa obra Noctes Atticae, consigna que o
lugartenente Arquelao do exército de Mitrídates, 87 anos antes da Era Cristiá
no ataque a Roma, impedira que as súas torres defensivas fosen queimadas
utilizando un composto alumine,
ignífugo para a madeira.
Por outra parte, se observamos o furor
dalgúns estados construíndo barcos cada vez máis grandes, enche-los de cañós e
usa-los como instrumento de conquista, sen pensar antes en como aproveitar a
tecnoloxía atinxida para outros fins e sen reflexionar acerca da violencia
xerada, non podemos menos que surprendernos.
